Presentada a tempada de outono do auditorio Mar de Vigo


O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou o avance da que será a programación de outono do auditorio Mar de Vigo, no que recoñeceu que “é a programación de outono máis ambiciosa que fixo nunca no Mar de Vigo”. Deu a coñecer máis de vinte espectáculos de primeiro nivel, sinalando que é “un programa de gran calidade, conformado para diferentes públicos, converténdose nun auténtico referente”.

A aposta do último trimestre do ano serán os grandes musicais, cun total de seis programados, pero tamén se sumarán ao programa unha variedade de espectáculos que van desde o ballet ás músicas de cine, pasando pola maxia, as bandas tributo ou os monólogos.

Abrirá a tempada o musical “El gran hotel de las Reinas” o 7 e 8 de outubro. Entre os grandes musicais que pasarán polo Auditorio Mar de Vigo está o agardadísimo “Peter, El musical”, un espectacular musical familiar sobre Peter Pan, que celebrará 5 funcións do 2 ao 4 de decembro, sendo a única maneira de ver esta gran produción en Galicia. Outros dos grandes musicais para todos os públicos será “El Médico”, a gran superprodución española inspirada no bestseller de Noah Gordon, e que tamén terá cinco funcións no Auditorio Mar de Vigo, do 11 ao 13 de novembro.

O outro dos grandes espectáculos outonais será a presenza de Les Luthiers, un grupo histórico que ten feito rir a millóns de persoas. Actuarán en tres funcións o 21, 22 e 23 de outubro co seu elenco de 2019, estreando o seu espectáculo “Gran Reserva”, unha antoloxía que reúne algúns dos grandes éxitos dos seus 55 anos de historia.

Ademais, o ballet terá tamén gran protagonismo nesta programación do último trimestre do ano. O prestixioso Ballet Clásico de Ucrania estará no Mar de Vigo en tres datas diferentes. O 27 de outubro e o 13 de xaneiro poñerán en escena “El Lago de los cisnes”, e o 18 de decembro co gran clásico por excelencia do nadal, como é “El Cascanueces”. A programación tamén incorporará este ano, o 28 de decembro, un dos espectáculos de danza máis aclamados do mundo: Spirit of the dance.

A programación contará tamén coas músicas de cine de John Williams e Hans Zilmmer, o 5 de novembro e o 26 de decembro, e as fermosísimas bandas sonoras dos filmes de Walt Disney, que interpretará a Hollywood Symphony Orchestra nas datas de Nadal, o 30 de decembro; e con “Krypton”, o novo espectáculo da Film Symphony Orchestra co mestre Constantino Martínez-Orts, que estará o 28 de xaneiro.

En xaneiro, tamén terá lugar o “Gran Concerto de Año Nuevo” de Johan Strauss, coa Strauss Festival Orchestra e o Strauss Festival Ballet Ensemble, programado para o 6 de xaneiro, Día de Reis, así como Carmina Burana e a 9ª Sinfonía de Beethoven, con Gran Orquesta Sinfónica e Coro, que actuará o 22 de xaneiro.Completan este outono a Gala Internacional da Maxia, que se celebra o 9 de outubro, o monólogo de Dani Martínez, o 17 de decembro ou a Queen Tribute Band, tributo a esta lendaria banda, que terá lugar o 29 de decembro