«O novo recurso supón un gran avance para achegar e facerlle accesible a aprendizaxe do galego á cidadanía, independentemente do lugar onde resida ou do tempo que cada persoa poida dedicarlle”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García na súa presentación. Neste mesmo senso, subliñou que con esta nova versión actualizada do Celga 1 en liña, que tamén renova a ata agora existente desde 2010, “completamos a serie de cursos anovadores e modernos que configuran o ensino e a aprendizaxe do Celga, para alén de potenciar a presenza da nosa lingua no ámbito das tecnoloxías». A nova ferramenta de autoformación en liña súmase á actualización do curso titorizado que os 150 alumnos e alumnas do Celga 1 en liña empregan xa desde esta semana, no marco da formación preparatoria de 70 horas que seguen ata o 6 de maio destinada aos exames oficiais. Na nova opción, non hai límite de prazas nin datas específicas de acceso e tampouco é precisa matriculación, polo que o acceso será tan sinxelo como cubrir un rexistro previo. É un recurso inesgotable e accesible a través da rede para todas aquelas persoas que estean interesadas en comezar a aprender a lingua galega ou en preparar a proba oficial.
43