O Concello de Coristanco celebrou este martes, 1 de setembro, ás 13:00 horas, no Edificio Interxeracional da Rocheira, o acto oficial de presentación da XLIV Festa da Pataca de Coristanco que se vai a celebrar na fin de semana do 19 e o 20 de setembro. No acto estiveron presentes o alcalde, Juan Carlos García Pose, e o concelleiro, Enrique Tasende, que expuxeron a programación acompañados de Mónica e Carmela, da área de Cultura.
Durante o encontro deuse a coñecer o cartel oficial desta nova edición e o programa completo de actividades, no que se recollen as diferentes propostas que conformarán unha das celebracións máis representativas do municipio.
A presentación servía para avanzar os principais contidos e novidades dunha edición coa que Coristanco volve poñer en valor a pataca como produto emblemático do territorio, así como o traballo do sector produtor, a gastronomía, a tradición e a identidade vinculadas historicamente ao municipio.
Pregón a cargo de Xosé Regueira Varela
O carballés e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, lerá o pregón á unha da tarde do domingo 20, media hora máis tarde entregarase a distinción ‘Pataca de Ouro’. Como mestra de cerimonias actuará a regueifeira Lupe Blanco.
Ao remate da presentación ofrecíase aos asistentes unha degustación de produtos elaborados con pataca, acompañada de viño, como mostra do protagonismo que a gastronomía e o produto local terán nesta nova edición da Festa.
PROGRAMA COMPLETO


