Presentada a XXXI Mostra de Camariñas, o paraíso do encaixe

3 minutes read
  • O evento terá lugar do 13 ao 17 de abril e supón o regreso ás datas e ao formato habitual.
Promo da Mostra 2022.

En menos dunha semana a vila de Camariñas volverá a sentir a ilusión, os nervios, o estrés e a satisfacción do traballo ben feito coa inauguración da XXXI Mostra de Encaixe Deputación da Coruña, que se celebrará de xeito presencial do 13 ao 17 de abril como viña sendo habitual ata a chegada da pandemia, obrigando a retransmitir o evento de xeito telemático por dúas veces e cunha terceira durante a ponte do Pilar do pasado ano.

‘E ti, encaixas no paraíso?’ é o lema desta edición, un chamamento para dar a coñecer Camariñas pola súa riqueza e patrimonio máis aló da artesanía, destacando unha degustación gratuíta de produtos do mar en varios postos da Mostra así como o espazo VodaEncaixe, unha das novidades deste ano onde os asistentes poderán atopar, nun mesmo recuncho, todo o que precisan para organizar unha cerimonia de voda: vestidos, vehículos, flores, detalles e agasallos e a parte fotográfica.

A apertura da trixésima edición da Mostra terá lugar o mércores ás 15:00 horas, momento no que se iniciará o tradicional encontro de encaixeiras e encaixeiros da Costa da Morte no que tamén participará o alumnado das escolas infantís municipais. O acto de inauguración coas autoridades será ás 17:00 horas.

Durante os cinco días un total de 12 firmas da categoría de ‘Grandes Deseñadores’ subiranse ás pasarelas para amosar as súas creacións con encaixe. Este ano participan Amaya Fernández, Ana Cabranes, Devota&Lomba, Dolores Cortés, Edith del Valle, Esteban Freiría, Lalacó Atelier, Sara Lage, Jorge de Álvarez e María Campaña, K-KOU e José Matteôs.

Esta Mostra tamén suporá o regreso das delegacións internacionais que este ano proceden de Bulgaria, Eslovaquia, Estonia, Italia, Polonia, Portugal, República Checa e Suíza.

Ademais, terá lugar tamén o XXVIII Concurso de Noveis Deseñadores no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 25 aspirantes de Asturias, Alicante, A Coruña ou Murcia, entre outros lugares.

O desfile de ‘ArtEncaixe’, que se estreou na atípica Mostra de outubro, repetirá nesta edición buscando a consolidación. Este ano son 12 os artesáns que chegarán de diferentes puntos de Galicia para demostrar que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais. Forman este desfile: Ana Freiría (orfebrería artística), Charo López Atelier (complementos de moda), Estilo Aramar (complementos de moda), Janet Schulz (tocados de noiva), Arteviares (artesanía en vidro), Mar Barral (laboratorio de ideas), Noelia Peña (xoiería de autor con deseños personalizados), Pilar Rodríguez ‘En Lá’ (artesanía en complementos textís), Suso Calo (artesanía en plata e talla), Xelis Luaces (encaixe experimental e aplicación), Olería de Buño e ONG Egueire.

Outro dos momentos máis agardados desta celebración son os desfiles do ‘Pequeencaixe’. Cincuenta nenos e nenas das escolas municipais mostrarán as súas creacións co encaixe despois de traballar nelas durante todo o curso. O mesmo acontecerá no desfile de ‘Encaixeiras Senior de Camariñas’, no que veciñas e veciños do municipio amosarán ao público as creacións que fixeron durante todo o ano.

Música e accións solidarias

Este ano os asistentes poderán gozar das actuacións musicais de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre (o sábado 16 ás 22 horas na praza do Mercado), ademais de Irma Marcías (mércores 13 ás 18 horas despois do desfile) e a orquestra El Combo Dominicano (domingo 17 ás 21:30 horas). Os fondos recadados nestas dúas últimas actuacións irán destinados á asociación STOP FA, unha entidade que aglutina a persoas afectadas pola ataxia a nivel nacional.

Por suposto, non faltarán as actuacións de música tradicional e presentacións literarias, así como actividades de ocio e deporte.

Consulta aquí o programa completo.