Presentada en Cee a actuación de Susana Seivane, dentro dos Concertos do Xacobeo

1 minutes read

Na mañá deste xoves a Casa do Concello de Cee acolleu a presentación do espectáculo que a artista galega Susana Seivane ofrecerá este venres na praza do Concello a partir das 22.00 horas, incluído dentro do ciclo de “Concertos do Xacobeo”.

Ao acto asistiron o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola propia artista Susana Seivane, así como a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela.

Veciños e visitantes de Costa da Morte terán unha gran oportunidade para divertirse neste evento musical dunha das artistas galegas máis recoñecidas do panorama folk internacional.

Trenor recalcou que “a súa maneira excepcional de entender a gaita e o seu virtuosismo fan que sexa un referente da música galega que sempre sorprende nos seus concertos e nos que a proximidade co público sempre está presente”. Neste senso, incidiu en que “lonxe de perder o aire auténtico dos antigos gaiteiros, reivindica a súa tradición e ábrea ás influencias doutras músicas, incorporando tamén a súa persoalísima voz”.