FITUR | Presentada a XXX edición da Mostra do Encaixe de Camariñas


A Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se celebra estes días en IFEMA (Madrid) foi o lugar escollido este mércores polo Concello de Camariñas para presentar a XXX edición da Mostra do Encaixe, que se celebrará do 8 ao 12 de abril e que aspira a romper estereotipos desde o primeiro momento. A edición que significará as tres décadas de vida deste evento non será unha máis xa que a organización decidiu rachar coa típica imaxe que se ten do encaixe, un arte milenario asociado erroneamente ás prendas femininas, e empregou un modelo masculino como imaxe do cartel e o spot oficial para este ano.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, conseguiu diferenciar este evento que espalla o nome de Camariñas e da Costa da Morte polo mundo ao lograr un espazo no stand de Turespaña para poder levar a cabo a presentación dunha edición tan sinalada como é esta.

Alí, Sandra Insua destacou que “este evento naceu co obxectivo de por en valor un elemento vertebrador de Camariñas como pobo e como comunidade e superou ese obxectivo con creces” xa que “a Mostra é coñecida internacionalmente, é un evento de moda referencial en Galicia e España, e cada ano chegan delegacións de todos os lugares do mapa que quedan marabillados coa arte das nosas palilleiras, que fan maxia coas súas mans”.

Ademais, subliñou que “a esencia da primeira Mostra do Encaixe de Camariñas segue intacta. Os tempos son de cambio, as modas pasan pero a esencia mantense e transmítese de xeración en xeración, é algo innegociable”.

“Como alcaldesa de Camariñas é para min un orgullo ostentar a responsabilidade de organizar a trixésima edición da Mostra do Encaixe e de continuar fomentando e difundindo esta tradición ano tras ano”, rematou Insua.

Cartel e spot da XXX Mostra do Encaixe

A idea orixinal do cartel e o spot da Mostra do Encaixe 2020 foi obra de Diego Alonso e Raul Lorenzo e foi creado e protagonizado integramente por xentes da Costa da Morte. O spot oficial da XXX Mostra do Encaixe de Camariñas darase a coñecer publicamente este domingo, 26 de xaneiro, a partir das 21 horas a través do facebook e da nova web da Mostra que se estreará ese mesmo día (www.mostradoencaixe.es).

Cartel promocional da XXX Edición da Mostra do Encaixe de Camariñas.