Presentada na Coruña unha nova edición dos “Días Azuis” do comercio galego


O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, presentaron unha nova edición da campaña Días Azuis do comercio galego, que se organiza en colaboración con Abanca, e que se celebrará ata o vindeiro 30 de xuño. No acto tamén estiveron presentes representantes de distintas asociacións de comerciantes da cidade.

Esta iniciativa permite completar o plan de medidas específicas de apoio ao sector, entre as que se inclúe o Bono Activa Comercio, que ofrece 30 euros de desconto para compras en establecementos locais. En canto o número de establecementos adheridos na cidade da Coruña son 463 e na provincia 2.615 tendas.

Durante estas semanas o obxectivo é visibilizar os establecementos que están a pé de rúa e dinamizar o comercio de proximidade.
Deste modo, os clientes dos comercios que realicen as súas compras ata o vindeiro 30 de xuño deberán rexistrar o seu tícket en www.diasazuis.com, ou ben solicitar que o faga o propio comerciante.
Entre todos os participantes sortearanse un total de 12.000 euros en 64 tarxetas prepago: 24 de 250 euros e 40 de 150 euros, que deberán ser utilizadas polos gañadores nos establecementos tradicionais galegos antes do 30 de xuño do próximo ano. O sorteo, ante notario, realizarase o vindeiro 5 de xullo.