Presentada no Museo do Prado a candidatura da Ribeira Sacra ante os embaixadores da Unesco

1 minutes read

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou no Museo do Prado de Madrid a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial ante os embaixadores do Comité da Unesco, do que forman parte 21 países. Trátase do primeiro paso na nova etapa da candidatura, segundo explicou o conselleiro nun acto no que estes representantes puideron coñecer o traballo técnico realizado así como o labor de posta en valor da conservación desta paisaxe cultural.

Neste marco no que tamén participou o embaixador de España ante a Unesco, Juan Andrés Perelló, o titular de Cultura salientou que tras a decisión de facer un aprazamento estratéxico da candidatura atendendo ás avaliacións e informes de Icomos, Xunta e Estado mellorarán todo o que sexa preciso para dar o último paso “con toda a forza e conseguir o si definitivo”.

Do mesmo xeito, apuntou que o obxectivo compartido co Goberno do Estado é intensificar o traballo da candidatura e seguir avanzando para facer da Ribeira Sacra “un territorio máis vivo, mellor coidado e máis recoñecido en todo o mundo”.

No evento tamén participaron a directora xeral de Bellas Artes do Ministerio de Cultura, María Dolores Jiménez-Blanco e o director de Relacións Culturais e Científicas da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, Guzmán Palacios Fernández en representación do Ministerio de Asuntos Exteriores.