Presentada no Parlamento a Lei do ciclo da auga


A Xunta presentou no Parlamento a Lei do ciclo integral da auga, que pon á disposición dos concellos ferramentas para profesionalizar os servizos e un sistema voluntario para garantir unha xestión de calidade.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, detallou o proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, tras a súa exposición pública e a aprobación por parte do Consello da Xunta. Esta norma busca a coordinación das administracións para mellorar a prestación dos servizos da auga e garantir que todos os municipios ofrezan tarifas igualitarias con independencia de factores como a dispersión ou a orografía.

A Lei, que se prevé que entre en vigor en verán, establecerá un marco normativo para blindar a calidade nos servizos, a eficiencia na explotación das infraestruturas hidráulicas e a viabilidade económica dos sistemas.

A conselleira incidiu en que tan importante é contar con estas infraestruturas hidráulicas como xestionalas ben para que funcionen de forma axeitada, obxectivo ao que contribuirá a nova Lei.

Reproche do Grupo Socialista

Pola súa banda, a viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou á Xunta de presentar a Lei de Ciclo Integral da Auga “coa machada na man”, sen diálogo, e vulnerando os principios de autonomía e suficiencia financeira dos concellos. A responsable socialista presentou unha emenda á totalidade do texto, que comezou o trámite parlamentario co voto en solitario do PP.

Rodríguez Rumbo alerta das carencias recoñecidas polo goberno galego na prestación dos servizos de abastecemento e saneamento da auga e da obriga de ofrecer solucións para a xestión eficiente e de calidade da auga. Acusou á Xunta de derivar a responsabilidade e os custes nas entidades locais, malia que os deixa sen garantir o financiamento para asumir os custes que obriga o novo texto.