Presentada oficialmente a IXP Pan Galego

Un total de 44 establecementos pertencentes a 14 panadarías da comunidade comezan a vender as primeiras pezas baixo a indicación xeográfica protexida (IXP) Pan Galego. Así se anunciou no acto oficial de presentación, que estivo presidido polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

As panadarías que distribúen o produto certificado superaron todos os controis previos, garantía do cumprimento dos requisitos establecidos no prego de condicións para a elaboración de Pan Galego. Así, venderán as pezas envasadas e identificadas cunha etiqueta numerada na que figura o logotipo da indicación xeográfica protexida, asegurando a súa rastrexabilidade en todo momento.

Na actualidade se seguen a tramitar máis solicitudes de inscrición no rexistro da IXP, polo que en breve aumentará o número de puntos de venda autorizados a distribuír Pan Galego con todas as garantías para os consumidores. Así mesmo, mantense aberto o prazo para que se rexistren na IXP tanto os produtores de trigo autóctono, como os muíños e panadarías interesados en acollerse a este novo selo de calidade.

Cabe engadir que o propio director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria interveu nunha mesa redonda que tivo lugar durante o acto, na que tamén participaron Guadalupe López, presidenta do Consello Regulador da IXP Pan Galego; Miguel Calvo, presidente da Asociación de Produtores de Cereal Galego (Procegal); Luís Urquijo, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo; e Ángeles Romero, directora da Cátedra do Pan da Universidade de Santiago de Compostela. A xornada puido seguirse tamén por streaming, a través da canle de Youtube da Axencia.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha