O acto de presentación da Feira do Cocido de Lalín levouse a cabo na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, onde a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor a longa traxectoria desta festa de interese turístico internacional, que unha edición máis reúne a centos de persoas na capital do Deza.
A directora de Turismo fixo especial fincapé na importancia da enogastronomía dentro da oferta turística da Comunidade xa que constitúe o segundo motivo polo que os turistas se achegan a Galicia. Por elo, explicou Castro, púxose en marcha o Plan Territorial de Sustentabilidade Turística de Enogastronomía de Galicia, co obxectivo de promocionar Galicia como destino enogastronómico de primeiro nivel poñendo en marcha actuacións transformadoras en diferentes áreas de Galicia, cunha dotación orzamentaria de 35,4M €.
A promoción da xestión sustentable desde os destinos e a potenciación do territorio enogastronómico galego como un espazo de desenvolvemento turístico competitivo cuxa proxección e comercialización alcancen o ámbito nacional e internacional son os obxectivos arredor dos que se vertebra este plan, cun forte contido na dixitalización e na innovación gastronómica.