Con esta actuación, que suporá un investimento de preto de 1 M€, habilitarase un itinerario de 1.130 metros, que permitirá a circulación de peóns, ciclistas non deportivos e vehículos de mobilidade persoal no eixe Conxo-Hospital Clínico.
Esta é a terceira actuación conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a intermodal e o complexo administrativo de San Caetano: case 13 km que suporán un investimento de case 12 M€.
En concreto, os dous primeiros tramos, cuxas obras xa foron tamén adxudicadas a principios deste mes de setembro, correspóndense co tramo da conexión entre O Milladoiro e a estación intermodal; e o segundo treito, co itinerario desde a rúa Clara Campoamor, na estación intermodal, ata San Caetano.
A previsión é iniciar este ano os traballos da nova senda entre O Milladoiro e a estación intermodal, cun prazo de execución de 18 meses, en coordinación coas do itinerario entre a estación intermodal e o complexo administrativo de San Caetano, cun prazo de execución de 15 meses.
Os novos itinerarios impulsan un percorrido exclusivo de novo trazado para peóns e ciclistas, pendentes moderadas e sen apenas interacción co tráfico rodado, e completaranse con este terceiro, de conexión do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
Estas actuacións, cuxo trazado está consensuado do Concello de Santiago, son impulsadas ao abeiro do programa europeo dos Fondos Next Generation, co fin de favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas e nas súas contornas, fomentando a diminución de emisións de gases á atmosfera.