Presentadas 13 ofertas para executar o primeiro treito da prolongación da AG-59 entre Santiago e A Estrada

Das 13 ofertas presentadas para executar estas obras 10 delas están conformadas por UTE, o que suma un total de 23 empresas. Mediante este contrato acometeranse as obras para habilitar 3,5 novos quilómetros de prolongación da AG-59, que dá continuidade ao treito da autovía libre de peaxe que xa se atopa en servizo, que se corresponde co treito da autovía, entre A Ramallosa e Pontevea, no concello de Teo.

O investimento total desta primeira intervención de prolongación do novo treito de conexión por autovía do concello de Teo desde Santiago superará os 33,1 M€, tendo en conta o importe da licitación desta obra, máis de 32,3 M€, e o pagamento dos 291 predios necesarios para materializar a intervención.

Cómpre lembrar que os actos para o levantamento de actas previas á ocupación foron xa convocados a pasado mes de maio, e a formalización das actas de ocupación levarase a cabo os días 21, 22 ,23, 24 e 25 de agosto, no salón de plenos do Concello de Teo. Esta nova convocatoria completa as expropiacións dos terreos necesarios para executar esta actuación, toda vez que a parte principal das expropiacións, que se corresponden co desenvolvemento do tronco da autovía, xa se teñen realizado.

A previsión da Xunta é adxudicar as obras no verán co obxectivo de poder inicialas no outono e, de xeito paralelo, seguir a traballar no proxecto de construción das obras da segunda fase de prolongación da autovía, que serán 4 km máis entre Pontevea e O Rollo, xa no municipio da Estrada.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha