Presentadas 16 ofertas para a redacción do proxecto construtivo da Rolda Leste de Ourense


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 16 ofertas para a redacción do proxecto construtivo da Rolda Leste de Ourense, entre a estrada OU-105 en Bemposta e a N-525, que suporá pechar a circunvalación polo sur conectando coa A-52.

Das 16 ofertas presentadas, 3 delas están conformadas por UTE, o que supón un total de 19 empresas.

O contrato de redacción do proxecto, licitado por 157.000 euros, impulsa esta actuación estratéxica para os concellos de Ourense e de San Cibrao das Viñas, pero tamén con funcionalidade para toda a área.

Os traballos obxecto deste contrato, para os que se estiman un prazo de 16 meses, inclúen o período de información pública, a redacción do proxecto construtivo e os informes das distintas administracións, xa que serán preceptivos informes do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, de Adif ou da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

O trazado desta actuación xa estaba previsto no Plan Sectorial da Rede Viaria de Ourense, aprobado polo Consello da Xunta no ano 2014.