A Consulta Preliminar ao Mercado do plan “Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles”, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural rematou cun total de 168 propostas presentadas a través da páxina web oficial do proxecto.
O prazo iniciárase o pasado día 23 de novembro cunha xornada presidida polo conselleiro do Medio Rural, José González, na que se presentara o plan “Aldeas intelixentes” e os catro retos propostos para impulsar a innovación das aldeas modelo de Galicia. A esta xornada asistiran de xeito presencial representantes de máis de 70 empresas e máis dun cento de entidades a seguiron por streaming.
Aldeas Intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles persegue obter solucións innovadoras para impulsar a recuperación dos núcleos rurais. O obxectivo é conseguir un territorio rural galego intelixente a través da creación dunha rede de aldeas modelo que potencien os grandes valores das áreas rurais e proporcionen aos actores locais as ferramentas para aproveitar o seu potencial e así contribuír aos grandes retos como a seguridade alimentaria, a demografía ou o cambio climático.