Presentadas 18 ofertas para redactar o proxecto da primeira fase da variante de Carballo

1 minutes read

Un total de 18 empresas veñen de presentar as súas ofertas para a redacción do proxecto de trazado, construción e impacto ambiental da primeira fase da variante de Carballo, que se iniciará na estrada autonómica AC-552, en Bértoa.

A Xunta construirá esta infraestrutura, que servirá de alternativa á estrada AC-552, en dous treitos, un desde o oeste de Carballo ata a vía provincial que leva a Compostela e, o outro, que é o da saída directa do polígono de Bértoa coa estrada de Ordes.

O orzamento previsto para acometer estas dúas fases ascende a preto de 28 millóns de euros.

Atendendo a criterios técnicos, nesta primeira fase impúlsase o tramo que unirá a estrada AC-552 na súa ligazón en Bértoa coa autovía AG-55, coa estrada autonómica AC-413 que se dirixe a Ordes e coa estrada provincial DP-1914, moi utilizada para desprazamentos en dirección Santiago. O presuposto de licitación destas obras estímase en 15 millóns de euros.

Esta actuación permitirá un servizo máis directo ao polígono de Bértoa, que xera gran parte da actividade económica de Carballo e da súa mobilidade, ademais de evitar o tránsito de mercadorías polo centro urbano.

O proxecto posibilitará evitar a circulación dos vehículos pesados na zona do instituto Alfredo Brañas, o colexio infantil e de primaria O Fogar, a escola infantil A Ledicia e a zona do complexo deportivo.

O Goberno galego, con esta actuación, afirma que reforza o seu compromiso coa comarca de Bergantiños, dotándoa de infraestruturas e servizos que facilitan a mobilidade dos veciños.