A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de recibir un total de 21 ofertas para executar as obras de ampliación da avenida da Deputación, en Arteixo, coa fin de mellorar o acceso ao polígono de Sabón.
Este contrato, ao que se presentaron 28 empresas -sete das ofertas proceden da unión temporal de distintas empresas-, foi licitado por un importe de 5,8 millóns de euros. O prazo de execución das obras é de 20 meses.
Esta actuación desenvolvese no marco dun convenio de colaboración entre a Xunta, que financia e executa as obras, e o Concello de Arteixo, que pon á disposición os terreos necesarios e manterá a actuación, unha vez rematada.
O obxectivo desta actuación integral é solucionar os problemas de fluidez do tráfico nesa zona para favorecer os movementos e facer máis cómodos e seguros os desprazamentos das persoas que cada día se achegan ao polígono.
O proxecto consiste no desdobramento dos carrís da avenida da Deputación, que pasará a ter 4 carrís en todo o trazado, entre a glorieta elevada de Sabón e a da avenida da Enerxía, onde se atopa a ITV.
No primeiro treito, entre a glorieta de Sabón e a avenida do Embalse, acometerase un carril adicional en sentido Coruña, con conexión directa ao ramal de acceso ao nivel inferior da rotonda, o que mellorará os tráficos e a fluidez dos vehículos pesados. Tamén se habilitarán beiravías, beirarrúas e unha zona con aparcadoiro en liña.
No segundo tramo, entre as avenidas do Embalse e da Moda, duplicaranse os carrís por cada sentido e dotarase a zona de aparcadoiro en liña e beirarrúa e beiravías. Ademais executaranse muros de contención para salvar as afeccións coas parcelas existentes.
No terceiro treito, entre as avenidas da Moda e da Enerxía, duplicaranse os carrís con separación mediante mediana física e habilitaranse, en ambas marxes, beirarrúas con beiravías de 1 metro de ancho.
A intervención contempla a construción de dúas ´turboglorietas´ nas interseccións coa avenida do Embalse e coa da Moda e unha glorieta de 36 metros de diámetro na da Enerxía. Estas infraestruturas permitirán cambios de circulación e xiros máis cómodos e seguros.
Cómpre precisar que durante a execución das obras se manterá sempre un carril útil para a circulación en cada sentido coa fin de non afectar nunca á plataforma completa e dar unha alternativa aos tráficos.