Estas 63 paradas de autobús están situadas nas estradas autonómicas dos concellos de Dodro, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vedra.
Mediante este contrato trátase de actuar no ámbito das rutas de acceso á cidade de Santiago polo sur, nun total de oito estradas autonómicas (AC-241, AC-242, AC-301, AC-307, AC-453, AC-543, AC-841 e AC-960). As intervencións suporán un investimento autonómico de máis de 1,9 M€, tendo en conta o pagamento dos 52 predios necesarios para levar a cabo as intervencións. A superficie de expropiación definitiva é de 2.183,71 m2.
En concreto, intervirase na mellora de 2 paradas en Dodro; 2 en Padrón; 7 en Rois; 8 en Santiago; 34 en Teo; e 10 en Vedra.
Os traballos previstos suporán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.
No marco destas intervencións priorízase a localización óptima destas infraestruturas, en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada é menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.
Os traballos que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.
Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.
As obras incluirán medidas de seguridade, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo arredor das paradas.
Ademais, as intervencións obxecto deste contrato prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.