Presentadas 4 ofertas para a mellora de 32 paradas de autobús na Laracha, Arteixo e Carballo

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 4 ofertas para mellorar 32 paradas de autobús na AC-552 nos concellos da Laracha, Arteixo e Carballo, o que suporá un investimento autonómico de 1,3 M€.

Estas obras, que necesitan expropiacións, comezarán na primavera e teñen un prazo de execución de 12 meses.

A actuación consiste na mellora da seguridade e da accesibilidade de 32 paradas de autobús situadas ao longo de 15 km da vía autonómica AC-552 nos concellos de Arteixo, Carballo e A Laracha. Este último municipio concentrará no seu territorio a maioría das actuacións, un total de 18.

As intervencións previstas suporán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.

Trátase da primeira das actuacións enmarcadas no programa da Xunta para actuar en máis de 1.100 paradas de autobús en estradas autonómicas co fin de mellorar a súa seguridade e accesibilidade, o que suporá un investimento global de case 28 millóns de euros.

As actuacións serán financiadas con fondos MRR do programa Next Generation do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e, previsiblemente, tamén con fondos FEDER 21/27.