A Xunta recibiu un total de 44 ofertas para a redacción dos proxectos para impulsar cinco novas actuacións para reducir o risco de asolagamento na área fluvial dos ríos Ulla e Sar, ao seu paso polos concellos de Padrón e de Valga, que suporán un investimento de máis de 305.000 euros.
Estas intervencións están enmarcadas no Plan de xestión específico para esta área fluvial, declarada de risco potencial significativo de inundación.
Dos cinco lotes, ao que presentaron as súas ofertas 12 empresas diferentes, catro contratos correspóndense con actuacións a desenvolver en Padrón, que se veñen sumar ao contrato xa adxudicado recentemente por Augas de Galicia nesta área fluvial, para a redacción do proxecto construtivo de protección da marxe dereita do río Ulla de cara a minimizar o risco de asolagamento ao seu paso polo concello.
Os contratos de Padrón centraranse na redacción dos proxectos construtivos para dotar de canal de protección contra inundacións ao rego Avelenda ao seu paso por Iria Flavia; na mellora do espazo fluvial e de drenaxe do rego deste rego; na mellora do espazo fluvial e de drenaxe do río Sar no cruce coa estrada AC-301; e na mellora do espazo fluvial e de drenaxe do rego Tarrío no cruce co ferrocarril.
No contrato relativo a Valga, o obxecto é definir as actuacións de mellora do espazo fluvial do río Valga, entre a liña de ferrocarril e a rúa Devesa.
Cómpre lembrar que Augas de Galicia ten xa adxudicados o proxecto de mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña de ferrocarril, e o de actuacións de protección da marxe dereita do río Valga.