Presentadas 5 ofertas para executar as obras de ampliación do Hospital Clínico de Santiago

1 minutes read

Das 5 ofertas presentadas a esta actuación, 4 delas están conformadas por UTE, que engloban un total de 10 empresas.

A intervención levará aparellados 1.400 empregos e blindará a sanidade pública de 450.000 cidadáns. A previsión é iniciar os traballos a principios da primavera de 2023, cun prazo de execución de 42 meses.

As obras obxecto deste contrato permitirán ampliar a superficie do actual hospital en case un 30%, de modo que se poida mellorar a atención aos pacientes.

Para iso, o proxecto prevé a ampliación do edificio A -no que se atopa a área de hospitalización, os servizos centrais e as emerxencias-, na parte sur do edificio existente cara ao oeste; de forma mimética ao actual edificio hospitalario, para acadar maior integración arquitectónica e funcional, dispoñendo un núcleo de comunicación vertical con 8 ascensores.

Tamén se ampliará a superficie, no caso do edificio A, en preto de 29.000 metros cadrados, acometendo a demolición de 2.000 metros para axustar e encaixar as novas instalacións.

No edificio C -que alberga as consultas externas e as probas funcionais-, a intervención permitirá habilitar case 5.300 metros cadrados de nova superficie.

Neste caso a ampliación realizarase cara ao leste, con 5 plantas coincidentes coas actuais, comunicándose cos eixes de circulación xeral do edificio e cun núcleo de comunicacións situado en paralelo ás zonas de espera da fachada sur.