Estas actuacións nas rutas de acceso polo noroeste da cidade de Santiago suporán un investimento que rolda os 2,2 M€ e abrangue a mellora deste conxunto de 64 paradas de autobús situadas en 14 estradas autonómicas ao paso por 10 concellos da provincia.
A través deste contrato, a Xunta levará a cabo o acondicionamento de 13 paradas en Santa Comba; 9 en Ames; 21 en Brión; 2 en Camariñas; 1 en Cee, 1 en Corcubión, 4 en Dumbría, 7 en Fisterra, 2 en Vimianzo; e 4 en Zas.
Os traballos previstos suporán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer os usuarios aí onde poida haber desniveis.
No eido das intervencións obxecto deste contrato, en primeiro lugar, priorízase a localización óptima destas infraestruturas, en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada é menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.
Os traballos que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.
Tamén se actuará na mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.
As obras incluídas neste contrato tamén prevén medidas de seguridade, coa eliminación de vexetación, a mellora da visibilidade e da iluminación ou a ampliación do espazo ao redor das paradas.
Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.