Presentadas as escolas deportivas e culturais de Vimianzo para este curso


O Concello de Vimianzo deu a coñecer as escolas deportivas e culturais para o curso 2022-2023, baixo a denominación ‘Actívate’.  As preinscricións comezarán o vindeiro luns 12 de setembro, e ata o mércores 21 do mesmo mes, en horario de 9:00 a 14:00 horas nas oficinas municipais.

No ámbito do deporte, haberá dispoñibilidade para fútbol, fútbol sala, pequemotricidade, tiro con arco, taekwondo, atletismo, escola multideportiva, tenis de mesa, patinaxe artística, ioga, pilates, aeróbic e actividade física para maiores.

No relativo á cultura, haberá música contemporánea, música tradicional, baile e danza tradicional, arte, panillo, ludoteca, teatro e informática, tanto infantil como manexo de móbiles para adultos.

Haberá un límite de prazas en todas as actividades, coa posibilidade de inscribirse en 5 cada veciña e veciño. Terán preferencia os empadroados e no caso de que se superen as prazas ofertadas realizarase un sorteo público entre todas as preinscricións o venres 23 de setembro ás 13:00 na Casa da Cultura.

A matrícula poderá facerse efectiva do luns 26 ata o xoves 29 de setembro e para a formación de grupos precisarán dun mínimo de 10 persoas inscritas, agás naquelas que se especifique outra cousa. Cando a asistencia ás actividades sexa inferior a 8 persoas de xeito reiterado suspenderanse ditas actividades.

Todas as persoas que non asistan a ningunha clase entre o 3 e o 15 de outubro serán dadas de baixa automaticamente e chamarase ás seguintes da lista de agarda.

O inicio das actividades será o 3 de outubro, con remate o 31 de maio de 2023. Os horarios poden sufrir modificacións.