Presentadas as propostas de iluminación ornamental da ponte de Rande


A Xunta de Galicia presentou este luns as propostas técnicas de iluminación da Ponte de Rande e demandoulle ao Ministerio de Transportes e Mobilidade que facilite a súa instalación o antes posible. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, defendeu a importancia desta iniciativa para realzar a monumentalidade deste símbolo internacional da ría de Vigo.

Declaracións da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade Ethel Vázquez.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou que a concesionaria da autoestrada atendeu esta solicitude da Xunta de Galicia, e dispón de alternativas elaboradas por tres empresas diferentes para iluminar a ponte sobre as que debe decidir o Ministerio titular da autoestrada.

Todas as alternativas formuladas baséanse na coñecida como tecnoloxía ‘RGB’, que emprega as cores primarias, vermello, verde e azul, para crear un modelo cromático moito máis amplo que acada millóns de tons de luz.

A conselleira de Infraestruturas trasladou a disposición da Xunta a colaborar no financiamento dos custos precisos para a instalación da iluminación ornamental da Ponte de Rande.