Presentadas as xornadas gastronómicas «Territorio Atlántico»


  • O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, defende que a gastronomía pode ser unha «das solucións á crise do turismo».

As Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico desenvolveranse na Coruña do 9 ao 25 de outubro e contan cun programa pensado para mostrar a calidade de produtos e de profesionais da cociña. Dez restaurantes da Coruña que traballan con materia prima galega e de proximidade, elaboraron propostas gastronómicas con produto da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo que son as protagonistas destas xornadas.

Regueira, defendeu a gastronomía como «un elemento fundamental para fortalecer a nosa saúde, o noso espírito e tamén a nosa cultura e a nosa economía». Segundo explicou, nos últimos anos «a gastronomía tense convertido nunha das patas fundamentais dunha nova forma de facer turismo, seguramente moi apegada ao turismo cultural, de coñecemento do territorio que se visita, e dun perfil de turista esixente que busca a calidade do produto, mais tamén da elaboración. E neste escenario, a seguridade, e especialmente a seguridade alimentaria, vai ser un dos puntos que fagan competitivos, ou non, os espazos turísticos: Temos, polo tanto, unha enorme posibilidade que debemos explorar», sinalou Xosé Regueira que defendeu a necesidade de promover un turismo «de calidade, de mesa e mantel, fronte ao de botas, caxato e mochila se o que se busca é unha vía para saír da grave crise do sector».

No acto tamén participaron o Presidente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, Juan Ignacio Borrego, a xerenta do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, Lanzada Calatayud e o presidente da Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.