A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu 2 ofertas de empresas para executar as obras dun treito de senda peonil e ciclista na estrada autonómica AC-552, entre Pastoriza e Vilarrodís, no concello de Arteixo, cun investimento de máis de 150.000 euros, incluíndo o pagamento dos predios necesarios, para a execución desta intervención de mellora da seguridade viaria e de promoción da mobilidade sustentable.
Segundo o proxecto deseñado a intervención comezará na travesía da Maceira, desde o punto quilométrico 5+280 ata o 5+330, onde se prevé executar unha senda de formigón de 2 metros de ancho, que irá separada do carril de vehículos mediante bordo. Para contar co espazo necesario para a senda, a vía actual ampliarase cara ao noiro existente na marxe dereita da AC-552, grazas a un novo muro de mampostería.
Os traballos céntranse despois no camiño existente no punto quilométrico 5+330 ata o 5+370, dando continuidade á sección anterior sobre un camiño actual de terra.
Despois actuarase no tramo da vía autonómica que vai do punto quilométrico 5+370 ata o 5+410, continuando co itinerario peonil proxectado. Este treito disporá dun ancho mínimo de 2 metros, que se ampliará ata os 3,5 metros para enlazar co itinerario proxectado cara a Pastoriza.
Tamén está prevista a execución dun carril de aceleración desde o punto quilométrico 5+370, para a correcta incorporación á AC-552, separado da senda peonil mediante unha barreira de formigón.