A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu dúas ofertas para executar as obras de remodelación da ponte e creación dun canle de augas altas na rúa Sol, no concello de Carballo, para reducir o risco de inundacións do río Anllóns.
A actuación, que suporá un investimento autonómico de case 1,6 M€, ten como obxectivo unha mellor protección fronte ás enchentes no río Anllóns, para o que é preciso a demolición dunha edificación, a remodelación da ponte e creación dun canle de augas altas na rúa Sol.
Os traballos, que contan cun prazo de execución de 8 meses, inclúen o derrubamento de tres treitos de escaleiras, unha obra de fábrica pola marxe dereita do río e a habilitación dunha senda coa extensión de 600 m2 de pavimento.
O proxecto obxecto deste contrato comprende, tamén, a demolición e construción dunha nova ponte, que terá un único van para mellorar a circulación da auga en caso de crecida.
A intervención completarase, ademais, coa instalación dunha pantalla lateral de contención e a habilitación de dúas pasarelas de acceso ao paseo fluvial para dotar de acceso á senda.
Colaboración Xunta e Concello
Estas intervencións enmárcanse no convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo, para a execución das obras identificadas como prioritarias no Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación deste río, cun investimento total de 6,3 M€.
Entre as accións que se consideran máis prioritarias e que son as que se impulsan a través desta colaboración están estas obras de remodelación de ponte e creación dun leito de augas altas na rúa Sol; e as comezadas o pasado 5 de maio de remodelación do parque de San Martiño de Carballo e a realización dun by-pass na zona de Muíño do Quinto.
Tamén se inclúen as actuacións xa licitadas e en fase de contratación da reforma da ponte sita na rúa Fomento, coa remodelación do leito e motas de contención augas abaixo da ponte; e a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, no lugar da Cepeira, en Sísamo.
Segundo o acordo de colaboración, correspóndelle á entidade hidráulica da Xunta levar a cabo a contratación da redacción e aprobación dos proxectos das intervencións que permitan reducir o risco de inundación nesta área do río Anllóns, a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.
Pola súa banda, o Concello de Carballo asume a posta á disposición dos terreos necesarios para o inicio dos traballos e a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución; así como a obriga de recibir as obras que pola súa natureza sexan susceptibles de tal recepción e a asumir o seu mantemento e conservación. Tamén se compromete á utilización das instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.