Presentadas máis de 400 alegacións contra a concesión da central hidráulica reversible do Tambre


O Concello de Brión e a Comisión de Seguimento contra a concesión da central hidráulica reversible do Tambre teñen constancia da presentación de máis de catrocentas alegacións contra o proxecto que tramita nestes momentos Augas de Galicia, toda vez que o prazo de presentación pechouse o pasado luns 6 de marzo. Así, so no Rexistro Xeral do Concello de Brión rexistráronse un total de 220 alegacións “polo que temos que agradecer non so a implicación dos veciños e veciñas de Brión senón tamén o traballo da funcionaria do Rexistro, que mesmo estivo un par de tardes rexistrando para dar cabida a todas e cada unha das alegacións presentadas”, explica o alcalde brionés, Pablo Lago Sanmartín.

“A maiores, desde a Comisión de Seguimento, que fixo e continúa facendo un gran labor de representación e defensa dos intereses dos veciños e veciñas, tense constancia da presentación doutro centenar máis de alegacións”, apunta Lago Sanmartín, “ás que hai que engadir as 105 alegacións rexistradas en Negreira por veciños e veciñas de Brión polo que, unidas ás que se presentaran directamente en Augas de Galicia e noutros rexistros podemos falar de medio milleiro de alegacións”.

O Concello de Brión ten constancia de 427 alegacións presentadas: 220 no Rexistro Xeral de Brión, 105 no Rexistro Xeral de Negreira e 1 no Rexistro Xeral de Lousame. O Concello de Negreira confirmou que presentou unha alegación contra o impacto paisaxístico do proxecto. Ademais, un dos integrantes da Comisión de Seguimento tramitou telematicamente as alegacións de 26 persoas de Cornanda e dende a Comisión teñen constancia da presentación de: 41 alegacións no Rexistro Xeral do Concello de Noia, 33 no Rexistro Xeral de Portos de Galicia así como das alegacións presentadas por asociacións ecoloxistas como ADEGA, Petón do Lobo e Torres de Altamira, ás que hai que engadir as realizadas polos partidos políticos (PSOE, PP e BNG) e polo propio Concello de Brión. A falta de confirmar as alegacións presentadas directamente en Augas de Galicia, Correos e noutros Rexistros, a cifra final podería achegarse ao medio milleiro.