A Xunta de Galicia recibiu 1.084 solicitudes ao abeiro da última convocatoria de axudas para financiar actuacións de mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, uso de enerxías renovables ou optimización das instalacións de iluminación en inmobles de uso residencial.
Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que estivo na Coruña visitando un edificio residencial que foi obxecto dunha completa intervención exterior para renovar o illamento térmico e a impermeabilización das fachadas, grazas á subvención recibida no marco da orde de axudas do ano 2018.
Cabe lembrar que de aquí a 2023, o departamento autonómico ten reservados 17 millóns para esta liña de subvencións, unha das que máis éxito teñen desde hai anos.
