Presentadas na COP26 as liñas mestras da futura Lei do clima


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo unha serie de contactos con representantes dos estados membros da Coalición Under2, o grupo máis importante de estados e rexións comprometidos coa redución das súas emisións de gases de efecto invernadoiro para loitar contra o cambio climático. Alí deu a coñecer as liñas mestras da futura Lei do clima galega, un documento no que xa está a traballar co reto de dotar á Comunidade dun marco normativo propio que contribúa á consecución da neutralidade climática en 2050.

A conselleira participou na Asemblea Xeral da Coalición Under2, un escenario que aproveitou para intercambiar opinións e recoller as achegas e experiencias doutros países adheridos a este movemento co fin de enriquecer o contido da futura Lei do clima de Galicia.

A continuación, interveu no Encontro de membros europeos da Coalición Under2, onde tivo a oportunidade de expoñer, ante un nutrido grupo de representantes do continente, a experiencia da Comunidade galega e as novas ferramentas das que se vai dotar. “Galicia pode e quere ser parte da solución ao problema do cambio climático e ser un actor destacado a nivel nacional e internacional”, subliñou.

Ademais, Ángeles Vázquez tamén tivo ocasión de reunirse con membros da Comisión de Medio Ambiente, Cambio Climático e Enerxía do Comité Europeo das Rexións, un encontro de traballo no que os asuntos principais que se abordaron foron os novos obxectivos marcados este verán pola UE nesta materia e as estratexias a seguir en clave europea para acadar o seu cumprimento nos prazos establecidos.