- Artistas de China, Arxentina, Italia, Valencia e Ordes estarán en Carballo do 27 de maio ao 9 de xuño para mudar a vila a golpe de brocha e spray
O Rexenera Fest cumpre cinco anos con moi boa saúde e con seis artistas chegados dende todos os currunchos do mundo para seguir aumentando o museo ao aire libre no que se ten convertido Carballo. Pero cada ano o Rexenera Fest é máis. É unha morea de actividades gratuítas que van de seminarios a masterclasess, microconferencias, música en directo, rutas ou a posibilidade de ver día a día o traballo dos creadores, que van construíndo da nada imaxes fantásticas, críticas ou simplemente fermosas. Este ano os artistas convidados veñen de China, Italia, Arxentina, Valencia e Barcelona, e coa presenza galega chegada dende Ordes. Unha escolma dos mellores muralistas do momento para situar a Carballo no mapa do arte urbano mundial.
As datas son do 27 de maio ao 9 de xuño, aumentándose a duración dunha semana a 15 días nos que o festival continuará dando sentido aos obxectivos de Derrubando muros con pintura para converter a Carballo nun punto de referencia da cultura urbana e da arte contemporánea e seguir dando vida ao recurso turístico da vila con máis solicitudes de visitas guiadas ao ano.