Presentado en Cerceda un impulso a empregabilidade das persoas afectadas polo peche das centrais térmicas

  • Máis de 1,5 millóns para recalificar a 900 operarios de As Pontes e Meirama.

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou este xoves en Cerceda na presentación do proxecto ActivaVerde que busca favorecer a recualificación profesional e a empregabilidade das persoas afectadas polo peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes. Esta iniciativa enmárcase no compromiso do Goberno galego co desenvolvemento dun mercado laboral máis sustentable e orientado ás novas oportunidades que xorden arredor das tecnoloxías verdes e a eficiencia enerxética.

Segundo apuntou o secretario xeral, tras o acto desta tarde no Viveiro de Empresas Municipal de Cerceda, o mércores 15 de outubro, ás 17,30 h., será a quenda da presentación na Casa Dopeso das Pontes de García Rodríguez. Canda el volverán estar, ao igual que hoxe, o subdirector xeral de Relacións Laborais, Carlos Gómez, así como o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, a secretaria xeral da Confederación de Empresarios da Coruña, Marina Graña, e representantes dos sindicatos CCOO e UGT-FICA Galicia, quen presentarán as vantaxes de tomar parte no proxecto.

Con esta acción, a Xunta quere dar a coñecer técnicas e estratexias asociadas á busca activa de emprego no ámbito das tecnoloxías verdes e da eficiencia enerxética, co fin de mellorar o perfil profesional das persoas traballadoras afectadas polo peche das centrais e aumentar así as súas posibilidades de contratación. 

O proxecto está dirixido a persoas residentes na provincia da Coruña que procedan de empresas afectadas, directa ou indirectamente, por este proceso. Para poder asistir á xornada da próxima semana cómpre inscribirse en https://activaverde.gal/xornadas-presentacion

Cabe engadir que ActivaVerde, impulsado pola Xunta de Galicia, está financiado polo Fondo Europeo de Transición Xusta, que busca apoiar aos territorios afectados polo proceso de transición á neutralidade climática.

Related posts

Arteixo, entre os concellos galegos que máis medraron no século XXI

Dous traballadores feridos tras caer dun tellado en Mazaricos

A Xunta e o concello de Outes impulsan o desenvolvemento rural deste municipio