O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou xunto co alcalde de Lalín, José Crespo, na presentación do Xacobeo Clarinet Fest 2021, unha iniciativa que se celebrará neste concello pontevedrés entre os días 16 e 23 de xullo co apoio da Xunta de Galicia e que reunirá a recoñecidos clarinetistas de diferentes nacionalidades e prestixiosos directores de orquestra e pianistas. O Festival e Academia Internacional de Clarinete de Galicia 2021 está dirixida por David Fiúza e Xocas Meijide e inclúe unha vintena de concertos, exposicións, conferencias e clases maxistrais.
O representante do Goberno galego felicitou aos directores por elixir a comarca do Deza para esta iniciativa, xa que, tal e como salientou, conta cunha “importante e célebre tradición de músicos, instrumentistas e compositores”. “A calidade da formación dos músicos lalinenses ao longo da historia foi sentando as bases dunha canteira de novos aprendices ata consolidarse como un auténtico lugar de referencia no eido musical”, subliñou.
Do mesmo xeito, destacou que un dos grandes atractivos desta cita é o gran nivel dos artistas invitados que inclúe músicos e profesionais de diferentes nacionalidades europeas. Concretamente, os clarinestistas que, ademais de Xocas Meijide, participan no Xacobeo Clarinet Fest 2021 son os italianos Lorenzo Copolla e Massimo Mazzone, os portugueses Vitor Matos e Sergio Pires e os españois José Luís Estellés, Juan Ferer, Jacier Llopis, Josep Sancho, Josep Fuster, José Franc Ballester e Lara Díaz.