Presentado en Malpica o plan director de saneamento municipal

Ayuntamiento de Malpica

  • O goberno local pretende unificar o plan de melloras para ofrecer un servizo de calidade a todos os núcleos do concello

Este venres tivo lugar en Malpica a presentación do plan director de saneamento co que o Concello dá por comezados os procedementos para a mellora da rede de abastecemento de augas municipal. Esto acto celebrouse no Centro Cívico e ao mesmo acudiron Pablo Couto, Eugenia Calvo e Héctor del Río, de Serye e Ciclo Ingeniería.

Un dos problemas fundamentais que se detectaron na EDAR de Malpica é que orixinariamente estaba deseñada para funcionar como un elemento separador pero, actualmente, traballa como unitario debido á cantidade de auga que lle chega da rede. Este problema tamén se dá na estación depuradora de Buño. En Seaia, o último dos tres sistemas de saneamento que existen na localidade, observouse que a auga circulaba “con volumes superiores aos teóricamente normais”, dixeron os expertos.

O desexo do goberno local é unificar o plan de melloras para “levar un servizo de calidade a todos os núcleos poboacionais, ben sexa por bombeo ou instalando determinados centros de depuración nos lugares más axeitados”.

Así, nun primeiro termo, actuaríase na depuradora de Buño para optimizar o sistema de captación. Seguidamente, instalaríase un sistema de depuración en Beo e axeitaríase a rede para que os pequenos núcleos, a través dun mellor sistema, contasen cunha rede de calidade.

“Iniciaremos agora os contactos primeiramente con Augas de Galicia, xa co Plan Director na man, para tratar o método máis axeitado de financiamento”, aporta o executivo local, quen manifesta que “o noso maior desexo é poder executar a renovación pensando nun futuro a longo prazo.”