O Refuxio de Verdes acolleu unha nova presentación do libro “O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños”. Despois de pasar por A Laracha, Carballo ou Ponteceso, era o Concello de Coristanco o que agradecía a presentación da man de Jose Antonio Andrade e a posterior intervención dos autores Fernando Cabeza, Evaristo Domínguez, Xan Fernández e Luís Giadás.
Foi un éxito de afluencia a pesar dos controis de acceso, e os protagonistas destacaron que é unha obra cargada de historia pero tamén cunha mensaxe de futuro.
Os estantes da Biblioteca Municipal de Coristanco xa contan con varios exemplares desta obra, nos que a ben tiveron os autores deixar a súa rúbrica cunha dedicatoria especial para os lectores.
O concello de Coristanco tamén fará chegar ás Bibliotecas do CPI Alcalde Xosé Pichel, EFA Fonteboa, CEIP Bormoio Agualada, CEIP Canosa Rus e CRA Coristanco Santa Comba esta obra, con exemplares que repartirá nos vindeiros días.