A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou en Vigo o libro 40 anos ao servizo da Galiza. BNG, 1982-2022 co que o Bloque conmemora o seu 40 aniversario, nun acto no que reivindicou o papel dinamizador do BNG en boa parte dos avances acadados en Galiza ao longo das últimas catro décadas.
«Corenta anos despois podemos dicir, con humildade pero con orgullo, que Galiza gañou co BNG, que moitos dos avances acadados neste tempo se lograron grazas ao empuxe do BNG, man a man cos sectores máis dinámicos da sociedade galega», afirmou logo de agradecer o traballo desenvolvido por militantes e simpatizantes nestes 40 anos, sen as e os que «hoxe non seríamos a forza transformadora na que cada vez confían máis galegos e galegas para abrir un tempo novo neste País», asegurou.
Nesta liña, Pontón amosou o orgullo de compartir organización cunha militancia honesta e xenerosa que fixo do Bloque motor de avance para o País porque, segundo subliñou, «ningunha loita a favor de Galiza e a favor das liberdades e da xustiza social nos foi allea».
A publicación, elaborada polo politólogo Manuel Anxo Fernández Baz, e editada pola Fundación Galiza Sempre, incorpora 400 fotografías -moitas delas inéditas- dá conta de momentos especialmente relevantes da historia do Bloque porque, en palabras do propio Fernández Baz, «as decisións adoptadas no pasado configuran as posibilidades no futuro».