Presentado en Zas o programa de formación para maiores de 50 anos da Universidade Sénior da UDC

1 minutes read

O Centro Sociocultural de Zas acolleu a presentación da III edición do programa de formación universitaria para maiores de 50 anos que imparte a Universidade Sénior da Universidade da Coruña por terceiro ano consecutivo no Concello de Zas.

Ao acto de presentación asistiron un bo número de alumnos e alumnas interesados/as en participar nesta experiencia e que, en moitos casos, xa asistiron ás pasadas edicións. O Alcalde de Zas e Presidente do GDR Costa Morte, Manuel Muíño Espasandín, aproveitou a ocasión para mostrar a súa satisfacción tanto pola gran acollida que ten este programa entre a veciñanza de toda a comarca así como porque a Universidade da Coruña elixira, unha vez máis, o Concello de Zas como a súa segunda sede.

O programa da presente edición divídese en tres módulos que se impartirán do 25 de marzo ao 8 maio no Auditorio Municipal de Baio. Cada módulo consta de dúas sesións teóricas, de dúas horas cada unha, e dunha sesión práctica ou saída de campo. As clases impartiranse os mércores e os xoves de 17:00 a 19:00 horas mentras que as sesións prácticas realizaranse pola mañá. Todos os módulos serán impartidos por profesores da Universidade da Coruña.