Presentado na Xunta o proxecto para repoñer o firme da pista de Reira, en Camariñas

1 minutes read
  • A zona atópase dentro da Rede Natura, polo que o proxecto debe ser avaliado pola Consellería de Medio Ambiente

Este luns membros do Concello de Camariñas presentaron na Consellería de Medio Ambiente un proxecto para a reposición do firme da pista de Reira, que periodicamente é obxecto de rebacheos con fondos propios para reparar os múltiples danos ocasionados polos temporais.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, e o primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño, mantiveron un encontro coa directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Docampo. A rexedora solicitou as autorizacións necesarias para levar a cabo o proxecto, xa que esta zona se atopa dentro da Rede Natura. A directora xeral comprometeuse a trasladalo aos técnicos e á propia conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, para que avalíen a idoneidade da acción proposta e, posteriormente, estudar a formalización dun convenio entre as dúas administracións para financiala.

O proxecto que o Concello de Camariñas prevé para a pista de Reira consiste na reposición do firme nos 12 quilómetros da vía desde Cabo Vilán ata Santa Mariña, substituíndo o actual de zahorra por un pavimento denominado de ‘suelo-cemento’ similar ao que a Demarcación de Costas aplicou no tramo inicial da senda existente na contorna da praia de Lingunde. «O sistema actual de zahorra está demostrado que non é o máis adecuado», destaca o primeiro tenente de alcalde, “por iso o sistema de ‘suelo-cemento’, respectuoso co medio ambiente e de maior durabilidade, nos parece a solucion idónea”.

Á saída da reunión, a alcaldesa de Camariñas explicou que “é urxente atopar unha solución definitiva para a pista de Reira xa que é unha vía de moita afluencia”.