Presentado o candidato da Marea á alcaldía de Coristanco


Tal e como estaba previsto, ás 8 da tarde deste xoves realizouse a presentación de Carlos Abelenda como candidato á alcaldía de Coristanco en presenza dun nutrido grupo de veciños e do deputado autonómico Antón Sanchez.

Principio da presentación de Carlos Abelenda

Abelenda na súa intervención no edificio de servizos múltiples enumerou, baixo o seu punto de vista, unha longa lista das deficiencias que presenta o seu concello, incluídas as parroquias. A corrupción de alto nivel, a falta de servizos básicos, a pasividade da administración local pola problemática veciñal, as deficiencias en sinalización de puntos turísticos esenciais como o refuxio de Verdes, a planta de residuos da Furoca, o parque eólico de ó Campelo (onde segundo a versión de Abelenda pode haber intereses ocultos de presuntas empresas corruptas), as telecomunicacións e o acceso a internet foron algúns dos puntos destacados polo candidato da Marea Carlos Abelenda, que di chegar a esta campaña electoral con moitas ganas e ilusión para facer outra política diferente, sendo un servidor responsable para mellorar a vida da xente, buscando abrir unha nova etapa política en Coristanco afastada do caciquismo de Pensado e do posterior despropósito da moción de censura para desgastar a Lavandeira e seguir gobernando os de sempre. Quere buscar a colaboración entre as administracións públicas e as asociacións do concello e pide aos interesados en sumarse ao seu proxecto dar un paso adiante coa finalidade de cambiar Coristanco.

Parte da intervención de Carlos Abelenda

Pola súa banda o deputado autonómico Antón Sánchez dixo ser coñecedor da realidade de Coristanco porque lle tocou tratar no parlamento varios asuntos relacionados co concello, enumerando o da secretaria municipal como un claro caso de acoso ou as prácticas políticas de outrora beneficiando a unhas empresas e maltratando ou perseguindo a outras, tamén a planta de residuos da Furoca, o que cualificou doutra ilegalidade manifesta, “plantas de residuos ten que haber, pero cumprindo a legalidade” sen beneficios da administración pública ao negocio dunha empresa particular, dixo Sánchez, quen tamén se referiu á moción de censura presentada no seu día contra Amancio Lavandeira e que cualificou dunha forma vergoñosa de facer política, que segundo el, o PP a tratou de tapar ao non aceptar a perda de poder. Sanchez recalcou que algún día saberase que pasou con esa moción de censura, pero incidiu en que non foi limpa nin transparente por ningunha das partes, nin do PP nin do concelleiro tránsfufa do PSOE, de quen dixo que traizoou a moitos socialistas que lle deran a súa confianza. Igualmente lamentou que algúns medios de comunicación non lle desen demasiada importancia a esa moción de censura por estar condicionados a ese poder político corrupto.

Parte da intervención do deputado Antón Sánchez en Coristanco