Martín Seco, foi presentado oficialmente como aspirante a alcalde do PSOE en Arteixo no Centro Tecnolóxico, onde avanzou que o seu programa electoral será “ambicioso e sensato”, e no que inclúe “unha empresa de servizos que o PP non foi capaz de sacar”, co que pretende xestionar servizos básicos e fomentar o emprego.
Máis dun cento de persoas apoiaron a Seco no acto, que contou coa participación do secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, e co alcalde socialista de Arteixo entre 1987 e 1995, Frutos Saavedra. O candidato socialista para as municipais agradeceu o traballo feito “polos socialistas do equipo de Frutos”, do que destacou que converteu “un pequeno concello rural nun dos máis puxantes de toda Galicia”. De Saavedra recolleu a luva para crear un eficaz grupo de traballo nos próximos meses e tamén eloxiou a etapa de Pilar Souto.