Presentado o cartel e a revista das Festas da Milagrosa de Carballo 2025

3 minutes read

Nun acto celebrado no mediodía deste sábado na antiga Escola de Arrabaldes, a Asociación Cultural A Milagrosa e a Comisión de Festas da Milagrosa deron a coñecer o cartel anunciador das festas deste ano 2025 e tamén a revista que as promociona, que nesta ocasión conta cunha tirada de máis de 600 exemplares. Na cita estiveron presentes, entre outros, o presidente da comisión, Luís Barca Añón.
O anuncio dos eventos fíxoo o propio presidente, transmitindo que este ano como de costume tamén haberá as vistosas e tradicionais alfombras florais nas rúas. Barca agradeceu a colaboración da multitude de autónomos e empresas coa súa presenza na revista, a quinta que elabora esta comisión, donde a multitude de anuncios que ten a publicación é sinónimo do potencial que ten o barrio a nivel comercial, empresarial e de iniciativa, en definitiva un reflexo do que é a sociedade da Milagrosa en xeral.

O prato forte das celebracións será do 5 ao 7 de setembro, pero no cartel xa se inclúe un torneo cuadrangular de fútbol veterán que terá lugar o sábado 23 de agosto ás 17:00 horas no campo do Carral, e no que participarán os equipos Bergantiños FC, Club Deportivo Carballo, SD Sofán e Atlético Milagrosa.

O xoves 4 de setembro haberá cine ás 22:00 horas na pista polideportiva situada detrás da Capela, donde se proxectará a película dirixida por Fernando García Ruíz «Odio el Verano».

O venres 5 ás 12:00 as bombas de palenque anunciarán o inicio das festas deste ano. Xa pola noita, ás 21:00 horas, terá lugar o pregón «in memoriam» do ilustre veciño do barrio Luciano Arán Eirín. Ás 22:00 terá lugar a Procesión das Antorchas, e media hora máis tarde a primeira gran verbena co Gupo Bomba de Canarias e a disco móvil Impacto co Dj Son1c.

O sábado 6, durante a mañá, terá lugar o pintado dun mural coa colaboración da Asociación Cultural Cascabullo. Ás 13:00 horas será a sesión vermú a cargo da gran orquestra Fuego, unha formación musical da Coruña, formada por 4 cantantes e 5 músicos, con moita frescura e dinamismo, ofrecida en parte por unha das grandes voces da verbena galega como é Eric Hidalgo. Como moito xente sabe, Eric é un cantante venezolano que comezou a súa carreira sendo moi novo co seu pai o gran Douglas Hidalgo, tras percorrer grandes orquestras en Venezuela chegou a España no 2002. Comezou na orquestra Passarela e ao pouco tempo foi chamado pola gran orquestra Los Satélites onde gozamos del dezaseis anos ata o 2019 que decidiu deixar a orquestra e montar a súa agrupación 4 en Línea. Agora na orquestra Fuego, vén cargado de enerxía e calor venezolana para facernos gozar de cada canción. Ás 14:30 horas haberá unha gran sardiñada popular na propia Praza da Milagrosa. Ás 16:30 horas dará comezo a elaboración das Alfombras en varias rúas do barrio. Ás 17:00 horas celebrarase o Campionato de España de Baixada de Carros de Bolas, todo un clásico destas festas, con saída na Avda. do Cemiterio Vello e chegada a Praza da Milagrosa. Ás 22:00 a orquestra Fuego será a encargada de iniciar a sesión musical de noite acompañados de seguido por América SL.

Xa o domingo 7 haberá pasarúas a cargo da Banda Municipal de Gaitas dende as 10:00 da mañá. De 11:00 a 12:00, na praza, terá lugar un obradoiro de barro a cargo de Crúa, María Barca. Ás 12:30 terá lugar a celebración da misa solemne na honrra da Virxe da Milagrosa e de seguido a procesión. Ás 14:00 horas a música volverá a coller protagonismo cunha macro sesión vermú ata as 22:00 horas a cargo do grupo Alcázar e disco movil Impacto cos Djs Bermúdez e Maikel. Ás 22:00 horas o grupo Alcázar será o encargado de pechar a verbena coa súa actuación musical.

Imaxe da portada da revista.