- En breve tamén será presentado o programa completo de celebracións que este ano recaen nos días 1, 2 e 3 de setembro.
Nun acto celebrado no mediodía deste luns na antiga Escola de Arrabales, a Asociación Cultural A Milagrosa e a Comisión de Festas da Milagrosa deron a coñecer o cartel anunciador das festas deste ano, obra de Moncho Ríos, e tamén a revista que as promociona, que nesta ocasión conta cunha tirada duns 600 exemplares. Na cita estiveron presentes, entre outros, o presidente da comisión, Luis Barca Añón e a concelleira de Cultura e Festas do Concello de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo.
O anuncio máis esperado fíxoo o propio presidente, transmitindo que este ano como de costume haberá as vistosas e tradicionais alfombras florais nas rúas, cuestión que segundo detallou estivo a punto de non celebrarse, entre outras cousas, por falta de relevo xeracional. Barca agradeceu a colaboración da multitude de autónomos e empresas coa súa presenza na revista, a terceira que elabora esta comisión, tal e como dixo un dos coordinadores da mesma, Santi Pazos. Pazos afirmou que a multitude de anuncios que ten a revista é sinónimo do potencial que ten o barrio a nivel comercial, empresarial e de iniciativa, en definitiva un reflexo do que é a sociedade da Milagrosa.
A concelleira de Festas pechou o acto sorprendida polo debuxo da portada da publicación «moi vistosa e con moito colorido». Concuíu agradecendo a oportunidade que lle brindaron de ser colaboradora da revista e contenta pola continuidade da elaboración das alfombras, cunha ollada posta na necesaria incorporación de xente nova a fronte destas celebracións para que o relevo xeracional non sexa un problema a curto prazo.

Mesa presidencial da presentación da revista das Festas da Milagrosa 2023.
