Esta actividade está organizada conxuntamente polo Concello de Carballo e a Fundación Araguaney-Ponte de Culturas co obxecto de achegar a sociedade árabe a Galicia, rompendo cos estereotipos e ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta cultura tan heteroxénea.
As cinco películas programadas para este ano (3 ficcións e 2 documentais) darannos unha lección de “cultura, integración e tolerancia”, apuntou Fernando Méndez, director da Fundación, quen destacou ademais que Carballo é unha das localidades de Galicia con maior dinamización cultural e social.
Amal en Ruta Carballo é un resumo da última edición da Semana de Cinema Euroárabe Amal, celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela o pasado mes de outubro. Este é o cartel deste ano:
- Xoves 26 de xaneiro: The captains of Zaatari (Biblioteca Rego da Balsa)
- Xoves 2 de febreiro: The man who sold his skin (Biblioteca Rego da Balsa)
- Sábado 4 de febreiro: 1982 (Pazo da Cultura)
- Xoves 9 de febreiro: Mayor (Biblioteca Rego da Balsa)
- Sábado 11 de febreiro: You resemble me (Pazo da Cultura)
Todas as proxeccións comezarán ás 20.30 horas, e a entrada é gratuíta e libre ata completar capacidade.
No acto de presentación, ademais do director da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, Fernando Méndez, estiveron presentes o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.