Presentado o DéporCampus Cabreiroá 2020 que se celebrará en Baio

  • Esta nova e cuarta edición, estará marcada polas novas medidas de seguridade que se aplicarán co fin de facerlle fronte ao Covid-19. 

O DéporCampus Cabreiroá 2020 foi presentado este luns nas Torres do Allo en Baio nun acto ao que asistiron o Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín; Pablo Barros, coordinador das actividades formativas da Fundación Real Club Deportiva da Coruña; Chema Rey, presidente do CD Concello de Zas; Rebeca Facal, presidenta do CD Baio; e Emilio Corzón, adestrador do CD Concello de Zas. O rexedor de Zas, Manuel Muíño, destacou a importancia de acoller unha nova edición deste evento deportivo que é un éxito ano tras ano e que nesta ocasión é o único que ten lugar en toda a Costa da Morte. 

Este campamento deportivo terá lugar do 27 ao 31 de xullo no Campo Municipal Platas Reinoso de Baio, está dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos e serán os técnicos do RC Deportivo os encargados de dirixir as diferentes sesións de adestramento nas que os participantes terán a oportunidade de mellorar as súas habilidades, gozar do xogo e facer novas amizades. 

As inscricións están abertas ata o 23 de xullo ás 12:00 horas e pódense formalizar a través da seguinte ligazón: http://deporcampus.rcdeportivo.es/es/zas-2020/inscribete. As tarifas son de 120€ a normal e de 100€ a bonificada – entre os que están os xogadores do Club Deportivo Concello de Zas – e inclúen equipamento deportivo, máscara oficial do RC Deportivo, seguro de accidentes deportivos, auga e froita durante os adestramentos, diploma e sorteo de regalos.  

Para calquera dúbida sobre o proceso de inscrición pódese escribir directamente ao enderezo electrónico deporcampus@rcdeportivo.es.