Presentado o deseño da nova estación de autobuses intermodal da Coruña

Entre outros técnicos, no encontro participaron, en representación da Xunta de Galicia, o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas. O Concello da Coruña estivo representado polo concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Manuel Díaz Villoslada, mentres que, pola banda de Adif asistiu Juan José Llamas, director de proxectos.

No encontro, o Goberno galego informou de que está a ultimar o proxecto básico da nova terminal de autobuses. Durante a exposición do deseño, os representantes de Adif e do Concello comprobaron que este se axusta aos parámetros pactados entre as tres administracións, despois de que o cambio de criterio do anterior goberno municipal da Coruña obrigase a iniciar de novo os traballos de redacción do proxecto.

Na reunión, a Xunta e o Concello avanzaron o inicio dos respectivos trámites encamiñados a acadar a viabilidade urbanística tanto da estación de autobuses como dos accesos, de cuxa execución se encargará a Administración local.

Ademais as tres administracións avanzaron nas negociacións encamiñadas a asinar un convenio de colaboración que plasme as responsabilidades e compromisos concretos de cada unha das partes no impulso conxunto da estación intermodal.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha