Presentado o expediente de incoación do BIC da biblioteca de Pardo Bazán

1 minutes read

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, presentaron na sede da RAG o expediente de incoación do procedemento para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, o que suporá a protección inmediata un total de 10.855 volumes.

O titular de Cultura da Xunta explicou que a biblioteca de Pardo Bazán reúne as características do patrimonio bibliográfico debido ao seu “carácter sobranceiro, pola figura á que está ligada e polo valor singular de todos os exemplares que a compoñen”. Neste sentido, detallou que a declaración como BIC afectará a preto de 11.000 libros, dos cales 7.883 están custodiados na sede da RAG e 2.972 rexistros que continúan no interior das Torres de Meirás.

A este número poderían sumarse, segundo a documentación achegada pola RAG na súa solicitude, outros volumes que actualmente poderían estar en localizacións descoñecidas. Cun carácter preventivo, a fin de que calquera outro exemplar de biblioteca quede protexido no futuro, o expediente ten este aspecto en conta. Dese xeito, se nalgún momento aparecese un libro non identificado e se constatara a súa pertenza, estaría automaticamente protexido.