- A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu a presentación en Outeiro de Rei, a onde asistiron enxeñeiros dos distintos Colexios Técnicos de Galicia do sector agroforestal.
Este manual ten como fin establecer os criterios necesarios para lograr unha redución no número de parcelas ao mesmo tempo que se garante a protección e posta en valor paisaxística e ambiental.
Actualmente, a reestruturación parcelaria está regulada na Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, norma que establece que as funcións produtivas deben convivir en harmonía coas de defensa da contorna, da paisaxe e do patrimonio, uns criterios e obxectivos que recolle precisamente este manual.
Así, o escrito conta con varios pasos para poder chegar aos obxectivos finais, que pasan por realizar un inventario completo de todos os elementos do territorio e da paisaxe cunha exhaustiva análise territorial, e realizar unha estimación do impacto sobre a paisaxe, analizando a integración topográfica, o respecto pola rede hidrográfica, as coberturas do solo e os elementos naturais ou culturais.
Ademais, o manual tamén recolle a creación dun catálogo de elementos estruturais, naturais ou artificiais a conservar durante o proceso; así como a realización dun estudo das condicións particulares de integración paisaxística.
