- A empresa concesionaria, Gestagua, vén de implantar un conxunto de aplicacións que sitúan a capital de Bergantiños como líder na xestión tecnolóxica do servizo.
A partir de agora será moito máis doado manter en perfectas condicións de funcionamento os centos de instalacións, redes e equipos que conforman o ciclo integral da auga no concello. Carballo convértese en líder en xestión tecnolóxica da auga grazas á implantación dun conxunto de aplicacións de tecnoloxías intelixentes, interconectadas entre si, que conforman un sistema orientado ao big data que asegura unha xestión transparente, fiable e eficiente das infraestruturas, ademais dunha excelente atención aos 13.995 usuarios/as da rede.
A nivel práctico isto tradúcese nunha serie de vantaxes á hora de xestionar os complexos sistemas de abastecemento e saneamento, cada vez máis estendidos polo territorio municipal, e de atender calquera incidencia no menor tempo posible, cando non anticiparse a ela. Un pequeno exemplo: grazas aos sistemas implantados é posible detectar un consumo excesivo derivado dunha fuga de auga e alertar ao cliente antes de que se dispare a súa factura.
De todo iso deuse conta este venres nunha reunión de traballo na que participaron, en representación do Concello, o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas; a concelleira de Contratación e Planificación, Milagros Lantes, e o enxeñeiro municipal, José Facal, e, por parte de Gestagua, o director de operacións, Gonzalo Murillo; o director de comunicación, Julio Fernández; o responsable dos sistemas informáticos, Alberto Provencio; o delegado da empresa en Galicia, José Rey, e o xefe de servizo de Carballo, Benigno López.
No encontro fíxose balance das actuacións realizadas nestes primeiros anos de concesión e da situación actual do servizo, pero sobre todo expuxéronse as melloras que levan aparelladas as novas aplicacións tecnolóxicas.
Despois da exposición das novas aplicacións na sede de Gestagua, situada na rúa Río Ulla, nº 2, os representantes municipais e da empresa achegáronse ata a captación do río Bardoso, no Carral, onde se realizou a presentación do persoal, o parque móbil, a maquinaria e os equipos cos que conta a concesión.