- Participarán vinte alumnos que contarán cun contrato formativo e unha remuneración económica
Este luns, a Casa da Cultura de A Laracha acolleu a presentación do «Obradoiro de Emprego A Laracha VI»: un novo programa de formación posto en marcha grazas á colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia. O acto de presentación estivo copresidido polo alcalde, José Manuel López Varela, e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor.
Nesta ocasión o obradoiro estará centrado na posta en valor de zonas verdes e espazos públicos, e dividirase en dúas especialidades: actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, e carpintería de madeira e moble.
Participarán vinte alumnos-traballadores (dez en cada especialidade) que durante os nove meses de duración do programa estarán vinculados ao Concello cun contrato formativo coa correspondente remuneración económica. O orzamento sitúase en torno ao medio millón de euros, cunha subvención de 346.946 euros da Xunta de Galicia máis a achega municipal que ascende a 147.000 euros.
Entre os proxectos que se realizarán atópanse a mellora do paseo fluvial de Gabenlle, a creación dun novo peche perimetral no Centro de Interpretación dos Muíños de Golmar e a posta en valor de zonas verdes públicas como a área recreativa de Gabenlle e a situada xunto ao parque empresarial.
José Manuel López Varela expresou o seu agradecemento polo “compromiso da Xunta de Galicia” para poder levar a cabo “un dos mellores programas de formación que pode ter un Concello”. Trenor tamén se referiu a este programa como “unha gran oportunidade que os participantes debedes aproveitar”.