Este martes tivo lugar a presentación do obradoiro de emprego Construíndo futuro, promovido polo Concello de Camariñas, coa participación de Vimianzo e Muxía. O acto estivo presidido polos rexedores/as dos tres concellos e ademais contou coa presenza do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. Neste obradoiro formaranse a 20 alumnos en dúas especialidades, en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en pavimento e albañilería de urbanización, cun investimento autonómico de máis de 346.000 euros.
As persoas desempregadas que participan nestes programas poden acceder ao longo de 9 meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e un contrato de traballo. Unha vez finalizado o taller, teñen oportunidade de traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para este fin, a Xunta concede incentivos á contratación.
Con esta ferramenta incídese ademais na inserción no mercado laboral de persoas en situación de especial dificultade, entre outras, emigrantes retornadas; mulleres; vítimas de violencia de xénero; persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; paradas de longa duración; con discapacidade; maiores de 45 anos; ou traballadoras e traballadores que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior.